PATRIMONIO NATURAL
A orografía do municipio de Samos é rica en matices, rodeado de tres serras. Polo norte os montes da Meda cuxos picos máis destacados son A Parrocha (742m.) e A Medorra (1.134m.). A maior altitude atopámola na parte central, na Serra de Oribio (1.443m.). Achegándose ao sur do municipio atopamos Penedo Grande (1.050m.) e Legua (1.304m.) Outros picos son Portela (1.395m.) e Alto do Pico (1.269m.).
Se algo distingue a este concellos é o seu admirable patrimonio natural, importante tanto pola variedade como pola conservación. O recoñecemento destes valores naturais chegou mesmo ás administracións competentes que catalogaron o Val de Lóuzara, que ocupa un terzo do municipio, como Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000 (LIC Ancares-Courel).
Neste impresionante val podemos ver, a parte dos recursos que se detallan a continuación, neveros de épocas ancestrais, multitude de alvarizas para protexer ás colmeas das garras do oso (trátase de antigas construcións de pedra circulares que, aínda hoxe en día, algunhas delas atópanse en uso), muíños, presas, antigas calzadas empedradas e fervenzas como a de Audagalte (integrada no Roteiro literario de Fiz Vergara Vilariño) ou a Fervenza do Corgo (esta última na aldea de Parada).
Fronte as súas incribles e magnificas serras contrastan os profundos e fértiles vales, por onde discorren os dous principais ríos do municipio:
A vexetación que domina neste territorio é de tipo atlántico de interior, e a súa gran diversidade convérteo nun escenario inigualable para os amantes da natureza. A variada flora provoca espectaculares xogos de cor, cambiantes segundo a estación. Prados, árbores e arbustos compoñen esta paisaxe. Entre os arbustos encontramos uces, piornos, toxos e xestas entre outros. As árbores mais destacadas son os carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros, abeleiras, sabugueiros e piñeiros. Non é imposible encontrar sobreiras e aciñeiras que son especies vinculadas a climas mais mediterráneos.
A fauna é moi variada. Nos ríos destacan a troita e a anguía. Os anfibios mais comúns son a ra ibérica, o tritón ibérico, a píntega, etc. Os réptiles máis comúns son o lagarto das silvas, a lagarta e algunhas pequenas serpes. As aves mais relevantes son a arcea, a perdiz vermella, a perdiz común, a pomba torcaza, a bubela, a garza, a cegoña, diferentes especies de curuxas, o aguia albela e miñatos, como o peregrino entre outros. Os mamíferos son abundantes e destacan a lontra, a marta, o esquío, a lebre, o teixo, a xineta, a donicela, a garduña, o gato montés, o zorro, o porco bravo, o corzo e o lobo.
A parte de todo aquelo que podemos ver na superficie como poden ser a sua orografía, flora, fauna, etc. Samos tamén esconde nas entrañas interesantes segredos, por exemplo as covas de Santalla ou Quintá.
Covas de Santalla
En Santalla de Arriba sobre a piscifactoría que está ao bordo da estrada, áchase a "Cova Grande" de Lóuzara, actualmente valada polo concello de Samos, debido aos danos vandálicos producidos na mesma no ano 2007. A Cova Grande ten uns 300 metros de lonxitude. A primeira cámara é de teito baixo, o que obriga a agacharse ós visitantes ata chegar á sala grande, na que se pode ver a súa profundidade e altura ademais dunhas figuras interesantes realizadas pola natureza durante miles de anos.
Situada a moi poucos metros desta esta situada a chamada Cova Pequena: trátase dunha pequena cova pola que hai que entrar arrastrándose, e, anque é mais pequena, ten un gran interese xeolóxico.
Hai outras covas pola zona do Val de Lóuzara, como son as Covas de Quintá, hai un total de tres covas accesibles que se encontran moi próximas entre elas na que abundan exuberantes formacións calcarias como as estalactitas e estalagmitas.
Desfiladeiro de Penapartida
Ó deixar Triacastela, collendo a ruta que leva á poboación de Samos, pódese observar a zona denominada Desfiladeiro de Penapartida por onde pasan a estrada LU-633 e o río Oribio rodeados de grandes paredes rochosas e vexetación. Unha vez se deixa o asfalto éntrase no Camiño Real ou do Oribio. Este segundo tramo da ruta debe o seu nome ó feito de que era o camiño que utilizaban os reis para acceder ó mosteiro.
Conta a lenda que neste punto, a Virxe, na súa peregrinación cara Compostela, atopouse cunha pedra de grandes dimensións que lle impedía o paso e mandou baixar ós anxos para que cun raio a destruíran, cousa que fixeron. De aí o seu nome; xa que dita pena, quedou partida para facilitar que a Virxe proseguira a súa peregrinación.
Ciprés mediterráneo
Ciprés milenario de 25 metros de altura e duns 3,25 metros de perímetro. Está catalogado como unha das árbores monumentais de España. O ciprés xa aparece representado no escudo da abadía do século XVI e no cataventos do claustro. O parche negro que se pode ver na actualidade é causa dunha ferida ocasionada por un lóstrego. Circula unha lenda que di que a ferida foi ocasionada en 1.926 ó prenderlle lume a un panal de abellas que, por causas obvias, se quería eliminar da árbore. O parche cumpre a dobre función de protección e de axuda á rexeneración natural da árbore. Hai un dito sobre o ciprés dirixido aos peregrinos que pasan pola vila de Samos: "quen dea un abrazo ao ciprés a Santiago chega sen mal de pes".
Cova da Fonte
Trátase dunha pequena cova pola que sae a auga dun regueiro de abondoso caudal, e que vai a parar ao río Lóuzara, está na parte alta da aldea de Santalla de Abaixo e moi cerca da igrexa parroquial. As vetas de pedra calcaria fan posible que as montañas da Serra de Lóuzara teñan abondosas covas feitas polas correntes subterráneas e que abrollan despois pola súas abas. Na porta da cova hai un poema gravado nun panel de ferro do poeta Fiz Vergara Vilariño adicado a esta cova, por ser esta aldea o lugar do seu nacemento e tamén da súa tumba. Na contorna da cova existe un vello muíño de auga que aproveitaba a auga de dito regueiro que abrolla no interior da cova e que tamén conta co seu poema correspondente. A colocación dos poemas débese a que por aquí transcorre o Roteiro literario de Fiz Vergara Vilariño.
Fervenza de Augadalte
Para chegar a esta fervenza partiremos do lugar de Santalla de Abaixo, despois de camiñar pouco máis dun quilómetro pola marxe esquerda do río Lóuzara chegamos ata o salto de auga. Trátase dun sendeiro que discorre pola ribeira do río Lóuzara, entre prados e bosque de ribeira, que remata ao chegar á fervenza. A fervenza ten 25 metros de altura en pendente case vertical sobre rocha de lousa negra que contrasta coa brancura da fervenza. Nace na chamada fonte do Barro e vai parar ao río Lóuzara. Esta fervenza está nun percorrido que sae da aldea de Santalla pola beira do río e no cal podemos ver obras escultóricas de varios autores dentro da ruta do poeta Fiz Vergara Vilariño.
A Pena dos Catro Cabaleiros
Elevación situada no límite dos municipios da Pobra do Brollón, O Incio, Samos e Folgoso do Courel que acada os 1.131m de altitude. As súas vistas permiten observar tanto o val da Terra de Lemos como a Serra do Courel. A lenda conta que neste lugar na Idade Media reuníanse os cabaleiros das xurisdicións que converxen neste punto para resolver desacordos ou tomaren decisións sobre a administración do territorio. Na actualidade volveuse tradición a celebración dun encontro o 31 de decembro ás 12 do mediodía, na que se xuntan os catro alcaldes dos citados concellos e se celebra un festexo ao redor da mesa de pedra redonda que recibe o nome de "Mesa dos catro Cabaleiros".
Miradoiro de Penablanca.
Situado no alto da Sierra do Édramo, ten unhas vistas espectaculares tanto do val de Samos como da comarca de Sarria, etc. e desde onde se observa mesmo a silueta de Lugo cidade. Para acceder a este miradoiro pódese facer por dous roteiros diferentes: polo Roteiro da Serra do Édramo que conta con sinalización e polo Roteiro do Carballal que se sinalizará nun futuro próximo, en ambos os casos hai un desvío sinalizado para chegar ao miradoiro e ambos os roteiros contan cos seus propios tracks en webs por exemplo wikilock.
PATRIMONIO CULTURAL
O concello de Samos non é tan só o Mosteiro e o Camiño Francés, nel encontramos unha paisaxe de xentes amables, salpicado de fermosas vistas, pobos en harmonía co seu entorno, pequenas igrexas e ermidas, antigas casas señoriais, muíños, xacementos arqueolóxicos, covas e rutas con sabor a cultura.
Patrimonio arqueolóxico
Os vestixios arqueolóxicos conservados no concello de Samos son testemuños dun remoto asentamento prehistórico nestas terras. A manifestación mais antiga deses primeiros poboadores atópanse nas covas de Santalla. Non se pode deixar de mencionar as mámoas ou modorras, son amoreamentos artificiais de terra, con ou sin pedras, que adoitan ter unha forma esférica, acostuman a xurdir dun xeito repentino e sinalan un ou mais enterramentos. No seu interior esconden construcións en pedra que coñecemos como dolmens, indican onde houbo una cultura megalítica anteriormente. Destacan as mámoas da Serra do Édramo, o Monte de Santa Mariña, entre Samos, Sarria e O Incio, e as medorras de Bustofrío e Trascastro.
Outro exemplo do temperán asentamento de poboación nestas terras e gran cantidade de poboados castrexos, xurdidos durante a Idade do Ferro, destacando os castros da Moura e Formigueiros, este último foi recentemente escavado. A abundancia destes antigos poboados ou castros, indica a importancia da cultura castrexa, manifestada en lugares como Pascais, Romelle, Lourido ou Estraxiz; nos que, a pesar de non ter feito escavacións se pode datar a presenza desta cultura nun período comprendido entre o século VII antes de Cristo e o século II despois de Cristo, anque é moi probable que os asentamentos perduraran ata a Idade Media.
Castro de Formigueiros
Castro situado a mais de 800 metros de altura que está considerado como un dos máis monumentais de Galicia. O castro, da Idade do Ferro, parece que estivo habitado ata a época das invasións xermánicas e o desmembramento do imperio romano. Algunhas hipóteses apuntan a que antes desta última ocupación foi abandonado durante un período de dous ou tres séculos. Unha das súas peculiaridades é a de dispoñer de catro grandes murallas defensivas cos seus respectivos fosos e parapetos engadidos en diferentes puntos. Este castro aínda se atopa en estudo. Estanse limpando as súas murallas, desenterráronse restos de vivendas e descubríronse catro louxas nas que se poden observar gravados de peixes (que ben poderían ser salmóns), cabalos e figuras xeométricas que posiblemente tiveron un fin relixioso ou cerimonial.
Castro da Moura
Xacemento arqueolóxico situado a 950 metros de altitude composto polos restos dun castro de finais da Idade de Bronce e despois ocupado do século III a. C. á época romana. Ten forma ovalada e de pequenas proporcións. Atopáronse materiais cerámicos, dous muíños planos, e unha lámina de bronce, entre outros obxectos.
Outros castros a resaltar son o de Loureiro, Lourido, Romelle, Estraxiz e A Margarida.
Conxuntos Singulares
Fai referencia a lugares ou aldeas que se identifican por ser unha mostra representativa da forma de vida pasada, os cales gardan un conxunto de cualidades culturais, antropolóxicas e etnográficas que constitúen o soporte material e inmaterial da identidade dos nosos antepasados. Lugares onde se gardan exemplos de arquitectura popular e tradicións ancestrais na que se relaciona a historia humana e a súa interacción coa natureza que os rodea.
San Cristovo do Real
Esta aldea con orixe xa no século XII, trátase dun conxunto singular que quedou ancorado en tempos pretéritos. Destaca a súa arquitectura popular e outras construcións como o muíño ou a igrexa parroquial. O río Oribio discorre atravesando a aldea deixando unha paisaxe natural na que colle protagonismo o bosque de ribeira. Lugar de paso do Camiño de Santiago antes de chegar a Samos.
Gundriz
Situada no val do río Lóuzara, Gundriz destaca pola arquitectura popular, con vivendas construídas en cachotaría de lousa. Nela se poden observar os vestixios dunha ferrería, a cal foi unha das máis importantes do sur lucense, e dun notable patrimonio etnográfico, representado por ata seis antigas cabanas agrícolas, as cales se empregaban para almacenar a herba recen segada.
Trascastro
Esta aldea atópase na parroquia samonense de San Xoán de Lóuzara. As súas vivendas máis antigas conservan a arquitectura tradicional da zona. Situado en medio dunha ladeira e rodeado dunha espesa masa de castaños, o seu entorno paisaxístico é envexable.
Praducelo
Aldea situada na parroquia de San Xoán de Lóuzara entre os 890 m. e os 950 m. de altitude. Conta cunha interesante arquitectura tradicional, e era coñecida en tempos pretéritos por estar abertas ata sete tabernas e ser punto de reunión os días 17 de cada mes. Ten unha capela dedicada a San Antón e no camiño que baixa desde a mesma cara as casas hai ao menos tres lavadoiros. Nesta aldea créese que era oriúndo o xograr medieval Martín de Pradocelos. Na actualidade conservase unha casa co seu nome na aldea.
Bustofrío
Atópase na parroquia samonense de San Xoán de Lóuzara. As súas vivendas máis antigas conservan a arquitectura tradicional da zona.
Santalla de Abaixo
En Santalla de Abaixo naceu o 15 de abril de 1953 o poeta Fiz Vergara Vilariño falecido o 18 de xullo de 1997. Xunto á igrexa parroquial hai unha preciosa cova chamada "Cova da Fonte" da que mana un regato, preto da casa natal do poeta Fiz Vergara Vilariño. No entorno podemos ver expostas diversas obras de arte de artistas de Lugo en honra ao poeta. Nesta aldea destaca a arquitectura tradicional e elementos etnográficos coma muíños ou eiras de mallar. Preto atópase a fervenza de Augadalte incluída na Ruta del poeta Fiz Vergara Vilariño.
Parada
A aldea de Parada atópase no val do Lóuzara, que desde o punto de vista xeográfico e xeolóxico considérase como unha prolongación da serra de O Courel. A aldea é unha das máis representativas da zona, xa que conserva numerosas mostras de arquitectura tradicional de montaña. A aldea posúe un dos soutos máis extensos do municipio, no pobo había ao redor de vinte e catro sequeiros de castaña.
Patrimonio etnográfico
Muíño do Fidalgo
Atópase na parroquia de San Martiño do Real, trátase dun edificio de planta rectangular construído en cantería de lousa e cuberta a dúas augas tamén en lousa. Aínda se conserva parte da maquinaria.
Muíño de Teiguín
Muíño na beira esquerda do río Sarria, feito en cachotería de xisto, con engadidos de formigón e ladrillo. O teitume en carpintería de madeira e lousa de xisto. O caudal é conducido por unha canle dende unha ceña a uns 100 metros ata as entradas aos canles, protexidas por trabes de ferro. O muíño de Teiguín destaca por ter sido tamén un serradoiro. Xusto antes da chegada ao muíño hai unha ponte sobre o río Sarria. Construída en en cachotería de lousa, amosa un gran arco de medio punto sobre o río máis outro arco máis pequeno separado por un tallamar para a saída das augas do muíño. O beiril é de fundición decorada con cunchas de vieira, xa que preto pasa o camiño de Santiago.
Outros muíños a destacar son os que se localizan na parroquia de Renche, o muíño Casa Zapateiro e o muíño Casa Piño, que ademais de facer as súas funcións, é un muíño que xeraba, mediante unha dínamo, electricidade para o autoconsumo propio, e o muíño de Santalla de Abaixo, por onde atravesa o Roteiro literario de Fiz Vergara Vilariño.
Patrimonio Arquitectónico
Torre do Reloxo
Esta torre inaugurada en 1.905, foi construída especificamente para albergar o antigo reloxo do mosteiro e situada no centro de Samos para marcar o paso do tempo a veciños e peregrinos. O reloxo pertenceu ao mosteiro de San Xulián ata comezos do S.XIX, coa desamortización de 1.835 pasou a mans do Concello quen aprobou o seu traslado á localización actual en sesión plenaria no ano 1.857 para procurar a súa conservación.
A maquinaria do reloxo poderiamos dicir que é un híbrido de transición entre os antigos reloxos construídos completamente en ferro e os máis modernos, que inclúen outros metais como son o aceiro, o latón e o bronce. Conta cun engadido bastante enxeñoso, efectivo e moito máis moderno, para facilitar a acción de darlle corda: un motor eléctrico desplazable que, cada dous días aproximadamente, un empregado do concello encárgase de poñer en marcha. A lentella do péndulo, encargado de regular a marcha, é de bronce e ten un bajorrelieve no que se aprecia a figura dun yunque e dúas figuras humanas, unha cun compás na man e outra cun martelo nunha man e unha roda na outra, hai quen di que representan a un monxe dirixindo a obra e un ferreiro executándoa e quen cre que máis ben representa, de forma sinxela, o traballo dos construtores relojeros-cerrajeros.
Casa Grande de Lusío
Nobre mansión pacega con escudo de armas, de dúas plantas, con torre cadrada, cornixa moldeada por toda a fachada. Atópase dominando un alto con fermosas paisaxes. Foi fundada por Lope Vázquez de Vilamexe e a sua dona Leonor Alfonso de Balboa en 1551. é a casa na que naceu o matemático Vicente Vázquez Queipo, autor da obra Táboas de logaritmos vulgares. Na actualidade e trala súa rehabilitación e un Albergue Público de Peregrinos.
Outras casas grandes ou pazos do concello son a Casa-Forte de Frollón e a Casona dos Miranda en Aián.
Patrimonio Relixioso
Mosteiro de San Xulián de Samos
A Real Abadía de Samos aséntase na mesma capital do concello, o río Sarria discorre tocando os seus muros. O mosteiro ofrece ó visitante un fermoso contraste entre os seus rudos e sinxelos muros exteriores cos fermosos e elegantes claustros en granito. Non en balde é dos que máis tempo leva declarado en Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC), polo seu valor artístico.
A chegada dos monxes no século VI vai a acaparar a historia do municipio, intimamente ligada ao seu mosteiro. A sua orixe remóntase á época de dominio suevo e visigodo, situando a sua fundación no século VI, en tempos de San Martiño de Dumio.
O mosteiro quedou abandonado no ano 714 coa chegada dos árabes a Lugo, anque foi por un corto espazo de tempo, xa que se ten noticia da asignación do terreo que fai o rei Fruela I na segunda metade do século VIII ó abade Argerico; o cal, posteriormente, proporciona estancia e refuxio ó seu herdeiro Alfonso II o Casto, que pasou aquí a súa infancia tras o asasinato do seu pai.
No século X a vida monástica no mosteiro sufre un quebranto, nese momento e a petición dos nobres galegos Arias e Gutier Menéndez, San Virila, abade de Penamaior en Becerreá enviará dezasete monxes que finalmente logran retornar a vida monástica ó cenobio. é no século X cando este cenobio toma a regra de San Bieito. A raíz da adopción da regra de San Bieito, o mosteiro ocupase de dar hospitalidade os peregrinos a partir do ano 960.
Existe documentación do auxe da abadía de Samos nunha bula papal de Alejandro III do ano 1175, momento no que a abadía exercía xurisdición sobre 105 igrexas repartidas por toda Galicia.
No século XV os Reis Católicos implantan unha reforma nos mosteiros beneditinos, reforma á que se incorporou Samos no ano 1505, tendo como consecuencia un importante impulso no aspecto económico e na formación monacal, vivindo unha época de intensa actividade nos séculos XVII e XVIII.
No S. XIX foi hospital de guerra durante a ocupación francesa. Neste século iníciase unha etapa de incerteza para o futuro da abadía coa supresión en España das ordes monacales e a incautación dos seus bens a través dos decretos de exclaustración e desamortización de 1.835 e 1.836. No ano 1.835 pasa de ser habitado por trinta e sete monxes a tres o que conleva asociado a deterioración do edificio que, tras a desamortización, foi entregado polo Estado ao municipio de Samos e debido á insuficiencia de fondos para afrontar o mantemento, foi devolto a mans do Estado en 1.862.
Os terreos monacales foron vendidos en poxa pública no primeiro período de exclaustración, no ano 1.822, o que deu lugar a unha forte transformación do devandito espazo. En 1.857 a corporación municipal de Samos decide trasladar o reloxo do mosteiro ao centro da localidade debido ao seu mal estado de conservación e ao temor a que as súas pezas fosen roubadas.
Non será ata o ano 1.880, co fin da exclaustración, cando o mosteiro inicia o seu rexurdimento coa chegada de nove monxes da orde procedentes de Valladolid que traballarán na restauración.
Toda a historia de Samos está ligada ó mosteiro. Incluso o nome primitivo, Samanos, que segundo o Padre Sarmiento significa unha comunidade relixiosa.
O complexo monástico, ó igual que outras moitas construcións eclesiásticas, amosa unha mistura de estilos, produto de progresivas ampliacións e reformas ó longo dos séculos, por iso entre os seus muros atópanse expresións artísticas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Todo o complexo monástico xira entorno a dous claustros, o claustro do Padre Feijóo e o claustro das Nereidas.
Este claustro comenzouse a construír a finais do século XVII e rematouse no século XVIII, é de estilo clasicista e atópanse entre os mais grandes de España, as súas dimensións son de 54 metros e medio de largo. Está formado por tres pisos, o inferior amosa as galerías abertas ó patio con arcos de medio punto onde se apoian as pilastras dóricas. No segundo piso obsérvanse ventás sinxelas. No último piso apreciamos a sua balaustrada e grupos de baldes de arcos rebaixados sostidos por columnas de tipo xónico.
No centro do Claustro destaca a impoñente escultura realizada ó Padre Bieito Xerónimo Feijóo polo escultor Francisco Asorey. O material da escultura é de tres clases de granito de distintas cores e como anécdota sinalar que nos días de choiva a cor da vestimenta do Padre Feijoo resalta especialmente.
Tamén coñecido como claustro Pequeno. é máis antigo que o do Padre Feijóo, data do século XVI; foi realizado polo arquitecto monfortino Pedro Rodríguez e é de estilo gótico tardío. Foi construído sobre as ruínas dun claustro anterior de estilo románico, que resultou destruído por un incendio no 1534. A portada que está situada no ángulo nordés é a única zona do anterior claustro que resistiu os embates do lume. As bóvedas son de cruzaría estrelada con claves decoradas con diversos motivos e é nunha desas claves onde se pode ler a soada inscrición ¿Que miras bobo¿, atribuída ao mestre de obra do claustro, o monfortino Pedro Rodrígues. O piso terceiro construíse no século XVIII. Os tramos desiguais da segunda planta están iluminados por montantes ovalados por encima das ventás e por riba está a cornixa da que sae a terceira planta na que se aprecian grandes ventás con arco rebaixado.
No centro destaca a súa fermosa e barroca fonte central, chamada das Nereidas. É obra do Padre Juan Vázquez. A copa é sostida por catro esculturas que representan a este ser mitolóxico.
Situada no claustro das Nereidas atópase esta portada que é do pouco que queda das edificacións románicas. é do século XII, harmónica e sinxela, era unha entrada á antiga igrexa. Dispón de dous arcos de medio punto concéntricos, suxeitos por dous pares de columnas arrimadas que atopamos enmarcando a porta e o tímpano. O tímpano semicircular está adornado con unha cruz procesional de baixo relevo.
Fermosa escaleira labrada en pedra con antepeito artístico calado inspirada no gótico que comunica as dúas plantas superiores. Levouse a cabo co fin de substituír á antiga que despois do incendio de 1951 quedou moi deteriorada. Foi deseñada por D. Juan Monleón, monxe da comunidade. ós pes da escaleira atópase un busto do Padre Rosendo Salvado, obra de Francisco Asorey.
A biblioteca resulta de gran interese pola cantidade e calidade das obras que posúe, entre os que se atopan algúns incunables. Durante a desamortización de Mendizábal en 1835 algunhas das súas obras foron trasladadas a Lugo. O incendio de 1951 supuxo un gran prexuízo para a biblioteca, pero a pesar de todo dispón dun arquivo amplo e dun alto valor cultural. O tratarse dun lugar de silencio e estudo non é posible visitala.
O Sino recibe este nome da sinal que da o abade a este lugar para entrar comunitariamente na igrexa. Destaca a sua bóveda do século XVI, a sua fonte barroca policromada, os frescos do pintor catalán Joan Parés e os mobles neoclásicos.
A sacristía data do século XVIII, é clasicista, de planta octogonal e coroada por unha cúpula. Mobles neoclásicos e mesa barroca policromada.
Igrexa de mediados do século XVIII; barroca anque con unha notable sobriedade clásica. Hai que resaltar a sua grandeza e luminosidade. Consta de tres naves; a nave central, que é a de maior altura e anchura, xunto co cruceiro, da lugar a unha planta en forma de cruz latina. O alzado da nave principal susténtase por pilastras dóricas. Na unión dos dous brazos levántase a cúpula galonada con casetóns sobre un tambor, todo elo sustentado por catro arcos de medio punto. ábrense unhas tribunas con arco de medio punto e varanda de ferro forxado. O retablo e as sus esculturas son marabillosas obras de arte. Cabe resaltar as esculturas de Francisco de Moure: a Inmaculada, San Xoán Bautista e a Virxe Dolorosa. De José Ferreiro hai que destacar o retablo maior coa escultura de San Xulián. Non podemos esquecer o grandioso órgano de tres fachadas que ofrece un maxestoso son.
A súa fachada da a impresión de estar incompleta ó non ter torres nin coroamento o ático central. é unha fachada de dous corpos de estilo barroco do século XVIII, o cal lle imprime personalidade. No corpo inferior da fachada atópase a porta de entrada centrada entre catro columnas dóricas sobre os seus pedestais. Sobre a porta está a figura de San Bieito, obra do escultor Ferreiro, nunha fornela de estilo barroco. Tamén cabe resaltar as impresionantes pilastras laterais do primeiro corpo, dúas a cada lado; entre as pilastras destacar a ventá rectangular de tímpano curvo con un enmarcado ollo de boi, na sua parte superior. Na rúa principal do segundo corpo situado no centro atopamos un rosetón flanqueado por dúas columnas e simetricamente situadas, dúas fornelas coas imaxes de San Xulián e Santa Basilisa. Nas rúas laterais do segundo corpo destacan a balaustrada sobre a cornixa e o campanario de estrutura cadrada e arco de medio punto. Accédese á porta por unha escaleira señorial do século XVIII inspirada na do Obradoiro de Santiago de Compostela.
No primeiro andar do claustro do Padre Feijóo pódense apreciar pinturas murais dos pintores Celia Rodríguez Cortés, Joan Parés, José Luis Rodríguez e Enrique Navarro. Empregan técnicas e estilos diferentes.
Ademais das pinturas murais, no mosteiro hai outras obras de moitos outros artistas. Destaca a Inmaculada Concepción, que supostamente foi obra do pintor asturiano Juan Carreño de Miranda, ou do seu entorno. Nesta pintura pódense apreciar todas as características do pintor. O que nos queda hoxe en día do pano é o que se puido salvar do lume de 1951.
A parte do mosteiro, no concello de Samos atópanse outras moitas capelas e igrexas entre as que cabe destacar:
Capela do Salvador ou do Ciprés
Atópase a uns cen metros do mosteiro e considérase o resto máis antigo que se conserva do cenobio primitivo. Posiblemente se tratara dun oratorio ou cela monástica. A súa construción en laxas de lousa data do fin do século IX a principios do século X, de estilo mozárabe. Consta de dous corpos de planta lixeiramente trapezoidal, nave e cabeceira. Un trazo característico é que a porta situada no lateral sur a súa curvatura tende á forma de ferradura. Na fachada principal, mirando ó río Oribio, podemos apreciar unha ventá de dobre arco á que lle falta o parteluz. No interior resalta o arco triunfal elíptico que nas formas tende á de ferradura e tamén hai que destacar as pinturas ó fresco de influencia astur. A imaxe do Salvador preside agora o oratorio da comunidade.
Igrexa de San Cristovo do Real
Igrexa de amplas dimensións de planta rectangular formada por tres naves baixo unha mesma cuberta. O máis destacable é o seu magnífico retablo maior barroco de comezos do século XVIII, dun só corpo e con catro columnas salomónicas.
No exterior destaca o pórtico dianteiro coa inscrición da data da súa construción. O templo pertenceu ao Mosteiro de Samos ata a Desamortización do século XIX.
Igrexa de Santiago de Renche
Igrexa impregnada de vestixios románicos, campanario sinxelo e pequenas fiestras. O templo actual data do século XVIII e está construído en cachotería de lousa.
No interior conserva un retablo neogótico con tallas de Santiago Peregrino, San Xoan Bautista e San Roque, do século XVIII.
Igrexa de San Martiño do Real
Igrexa de finais do século XII de estilo románico cos muros de cachotería de lousa recebados e pintados de branco. Ten planta rectangular con ábsida de tramo recto e testeiro redondo. Leva corpo acaroado no lado sur para a sancristía e o teito vai a dúas augas con cuberta de lousa. A fachada principal é lisa e sen decoración, cunha ventá no centro. Está na parte inferior tapada por un pórtico murado e cuberto con lousa a catro augas na zona da entrada. No cume remate con espadana de dous ocos para as campás que se coroa na cima cunha pequena cruz de pedra. Nos costados laterais da nave ábrense vans a modo de seteiras rematados en pequeno arco. Nos beirados do tellado, de nave e ábsida, amosa como ornamentación canzorros con figuras humanas, carneiros e motivos xeométricos. No interior o máis destacable son as pinturas ó fresco. Existe a lenda de que aquí houbo un antigo mosteiro que foi edificado polo rei asturiano Fruela I (759).
Igrexa de Santalla de Pascais
Igrexa de orixe románica, da cal conserva a ábsida, e o lateral norte, con porta de arco de medio punto. A nave é ampla e elevada, cuberta a dúas augas. Posteriormente apegáronlle no muro sur un recinto rectangular, que supuxo a apertura de arcos de comunicación e unha sancristía. A ábsida con tramo recto e curvo, garda un retablo barroco dun só corpo con tres encasillamentos, ático con fornela e columnas salomónicas con acios. Destacan as imaxes de Santa Eulalia, a Inmaculada, San Pedro e San Benito.
Igrexa de San Mamede do Couto
Edificio de cachotería de lousa con cuberta a dúas augas, que só conserva da súa primitiva orixe románica a portada principal, realizada con arco de medio punto, oculto ao exterior polo tímpano alintelado a pano co muro. Apóiase en mochetas directamente unidas ao xambaxe liso, e adornadas cun cilindro anelado. Tamén na entrada principal se atopa o cabido que dá acceso á igrexa, o frontal da cal é totalmente liso. No interior destaca un retablo barroco con columnas salomónicas e coa estatua de San Mamede no ático.
Igrexa de San Estevo de Reiriz
Igrexa románica do século XII. Está composta por unha única nave e unha cuberta a dúas aguas. Posúe unha porta con dobre arco de medio punto. Varios canzorros ornamentan a cornixa. O ábsida é pentagonal e en cada un dos tres planos da cabeceira hai unha fiestra, con columnas acodilladas. Destaca o retablo de estilo barroco dun so corpo e ático con columnas balaustradas. Esa igrexa sufriu algunhas reformas. As imaxes están adicadas a San Esteban, San Xosé e Santa Lucia entre outros.
Igrexa de San Martiño de Lousada
Igrexa parroquial de estilo románico de planta rectangular con cuberta a dúas augas e de ábsida máis baixo. No ábsida destacan uns canzorros historiados e ventá de arco de medio punto. A igrexa foi recentemente restaurada, xa que se atopaba en ruínas e pechada dende 1954. As imaxes representadas son a de San Román, San Xoán e a Virxe.
Igrexa de Santa María de Montán
Templo románico de cachotaría de lousa que sufriu xa varias transformacións ao longo da súa historia. O acceso á igrexa realízase por un pequeno cabido con cuberta de lousa a tres augas. Enriba deste, sitúase unha pequena ventá arqueada. A fachada coróase co campanario, mentres que a porta principal é arqueada, con laxes de lousa en sentido radial. No interior sorprende a grande altura da nave. Dispón dun retablo neoclásico con talles do século XIX.
Igrexa de San Silvestre de Freixo
Igrexa parroquial construída en cachotaría de lousa, ten planta rectangular e porta principal arqueada. O campanario, de dous vans, remata nun pequeno frontón. No interior destaca o retablo de estilo renacentista e ornamentación barroca, con columnas salomónicas.
Igrexa de San Cristovo de Lóuzara
Igrexa de estilo barroco construída en cachotería de lousa, de planta rectangular e que consta de tres naves, as laterais son máis baixas que a central. A nave central está separada das laterais por arcos de medio punto. O fronte é unha esvelta torre de tres corpos que se apoia sobre catro arcos; no derradeiro corpo destaca o campanario que, ademais, prolonga o edificio. Entre os arcos está o cabido. O máis destacable do seu interior é o retablo de estilo renacentista, realizado no século XVI en madeira. Ten dous corpos con tres fornelas con columnas helicoidais. A sua imaxe é a de San Cristovo e cabe subliñar as pinturas de santos beneditinos.
Igrexa de San Xosé de Santalla
Igrexa de planta rectangular e tellado a dúas augas, con cuberta de lousa, que remata en chafrán no presbiterio. A fachada está levantada con cantería granítica, cousa que non soe ser habitual por esta zona. Esta amosa entrada alintelada con doelas e con remates curvos nas esquinas superiores. Unha moldura debuxa nos perpiaños do muro un arco oxival para servirlle de marco. Máis arriba ábrense dous pequenos vans rectangulares con adorno de arcos, apuntados e en relevo. No cume da fachada arranca o campanario, con dous ocos para as campás de arcos apuntados e con remate en frontón partido cun pináculo de bóla cunha cruz de forxa.
No seu cemiterio está a tumba do poeta Fiz Vergara Vilariño, e este templo forma parte da ruta adicada a el polo val do Lóuzara e que vai dende o alto de Aira Padrón a Santalla.
Igrexa de San Xoán de Lóuzara
Templo parroquial de estilo románico de importantes dimensións, realizado en cachotería de pizarra. Planta rectangular de tres naves separadas entre sí por duas arcadas. A cuberta é a duas augas e a catro na cabeceira. Fachada austera e rematada nun pequeno campanario. No interior conta con varios retablos: dous deles de estilo renacentista do século XVI, dous barrocos do século XVIII e un terceiro de estilo renacentista, o mais interesante, do século XVIII de dous corpos e tres ruas adicado a San Xoán Bautista.
Capela de Santo Domingo
Pequena capela do século XVIII situada no lugar de Teiguin, de planta rectangular e tellado a dúas augas con cuberta de lousa. Feita con muros de cachotería, na fachada leva a entrada rematada en arco e un van circular na parte superior. Coroa o cume cunha pequena espadana dun só oco onde colga a pequena campá. Nos extremos inferiores do gablete adórnase con dous pináculos.
Capela de San Román
Igrexa situada en San Martiño de Lousada, representativa do románico rural de planta rectangular en cantería de lousa e cuberta a dúas augas tamén de lousa. Destaca a orientación do ábsida semicircular con ventás de arco de medio punto e motivos humanos, animais e vexetais. No interior do templo exponse unha pila bautismal "moi anterior ao ano 1.000".